martes, 16 de noviembre de 2010

A HOSTIA EN VERSO: RETURNS!!


(en palabras de María Lado):


A vinganza, como sabedes, sérvese fría como a cervexa e por iso é mellor administrala en garitos. Así que se vós tamén precisades resarcirvos da anterior Hostia en verso, ou simplemente queredes pasar unha noite moi entretida, convidámosvos a unha nova e sempre diferente sesión deste combate lírico sen igual.

A oportunidade de revancha terá lugar este venres, día 19 de novembro, ás 21:30 horas, no pub Galería Jazz (Ronda de don Bosco, 21, Vigo) e desta volta enfrontará a Ledicia Costas, Daniel Landesa, Xabier Xardón, David Rodríguez, Lara do Ar e Miguel Valverde ou o que é o mesmo: poetas montañeses versus poetas pescos!

O acto é unha divertida velada na que ambos equipos se enfrontarán para gañar o favor do público e estará presentado polas poetas Lucía Aldao e María Lado, que xa sacaron da súa mente enferma un número sorpresa. Contará tamén coa intervención musical da banda de Mr. Carácter e coa colaboración da artista plástica María Longa, que realizará unha intervención en directo.

Haberá tamén ricos e gratuítos petiscos para o público asistente, que se verá reconfortado coa posibilidade de votar el mesmo o equipo gañador ao longo dos tres asaltos que compoñen este singular combate!!!

E todo isto... de balde!!! Hai algún lugar onde che dean máis por menos, que non sexa a casa de túa nai?

Pois xa sabes. Vente animar os pescos ou os montañeses. A nós encantaríanos verche por alí, porque sabes que todo isto que facemos non ten sentido sen a túa presenza.


E xa vos adiantamos que estarán no Culturgal2010